Biblioteca e EDLG do IES MONTE DAS MOAS
"Ler é soñar da man do outro" Fernando Pessoa

luns, 22 de abril de 2024

ENTREGA DE PREMIOS DA XINCANA CULTURAL E LITERARIA EN RIANXO

Logo de que o alumnado de 1º de Bacharelato participase na visita a Rianxo o pasado luns 15 de abril, hoxe a coordinadora do EDLG entregoulles os premios ao equipo gañador da xincana cultural e literaria que realizaron na vila rianxeira.

O equipo gañador está composto por cinco mozas representantes dos tres grupos de 1º Bacharelato e o premio consistiu nun pin de Rianxo, outro de Castelao e un bolígrafo, premios que amabelmente nos forneceu o propio Concello de Rianxo para agasallar as persoas participantes na visita.

Parabéns a Elisa Blanco Rodríguez de 1º Bach B, Noelia Bello Díaz e Elisa Pérez Martínez de 1º Bach C e Gabriela López Iglesias e Mencía Bergondo García de 1º Bach A!!



mércores, 17 de abril de 2024

CHARLA DE DANIEL COLLAZO SOBRE ACCESIBILIDADE COGNITIVA

O alumno, Daniel Collazo Barcia de 4º ESO B, colaborador do EDGL e da biblioteca, impartiu unha charla nun grupo de 3º ESO sobre accesibilidade cognitiva na que lles explicou o concepto aos compañeiros e compañeiras e rematou cuns exercicios prácticos de reflexión para que eles puidesen comprobar canto saben do tema.

Velaquí tedes algunhas fotos que resumen a xornada.














CHARLAS SOBRE ACCESIBILIDADE COGNITIVA

O noso alumno, colaborador do EDLG e biblioteca, Daniel Collazo Barcia de 4º ESO B estará durante algunhas semanas impartindo charlas ao resto do alumnado para que coñezan en que consiste a accesibilidade cognitiva.

Aquí vos deixamos a súa presentación sobre o tema e a que empregará nas aulas da ESO para facerlles unha xornada moi práctica e de proveito ao resto do alumnado.


luns, 15 de abril de 2024

ROTEIRO LITERARIO E CULTURAL EN RIANXO

O alumnado de 1º Bacharelato participou este luns dun roteiro literario e cultural na vila de Rianxo nunha actividade organizada conxuntamente polo Departamento de Lingua e Literatura Galega e o EDLG. +

Tiveron unha visita guiada ao Museo do Mar e outra en tres quendas á Casa Museo de Manuel Antonio. Simultaneamente distribuídos en grupos de seis persoas realizaron unha xincana pola vila de Rianxo onde tiñan que responder diferentes preguntas sobre cultura, literatura e historia da vial rianxeira e na que tamén tiñan que deseñar e até cantar ou recitar poemas!!

Despois foron camiñando desde o porto até a praia de Tanxil onde xantaron e onde puideron desfrutar dunhas horiñas de sol e xogos na area da praia.











luns, 8 de abril de 2024

DESEÑOS COLORIDOS DE FRASES FEITAS EN GALEGO

O alumnado de 3º ESO realizou nas aulas de Educación Plástica e Visual este fermoso proxecto para decorar frases feitas en galego e poñerlles cor a todas esas expresións tan nosas que empregamos a diario. Fermosura de traballo que tedes exposto no vestíbulo de entrada!!















venres, 22 de marzo de 2024

CARTAS DE AMOR DESDE A BIBLIOTECA DO CASTRILLÓN

O 21 de marzo, coincidindo co Día da poesía, recibimos no noso centro ás bibliotecarias da Biblioteca do Castrillón. A finalidade deste encontro, dirixido ao alumnado de 4º da ESO foi dobre: por unha banda dar a coñecer á rapazada e por á súa disposición a biblioteca do barrio como espazo de encontros, lugar de consulta, de lectura, de préstamos … alén de explicarlles como é o seu funcionamento; e por outro, propuxéronlles aos nenos a participación nun concurso de escrita co lema “Cartas de amor”.

O acto resultou moi ameno e agradable, xa que viñeron acompañadas de dúas maletiñas con moitos libros que permanecerán no centro durante algún días. Ademais, fixeron algunhas lecturas de poemas, como homenaxe ao día que se celebraba, e tamén leron algunhas cartas anónimas (que estaban debidamente encadernadas) de concursos celebrados en anos anteriores por alumnado da súa mesma idade, coa finalidade de orientalos un pouco de cara ao concurso.

A actividade tivo boa acollida e polo interese despertado, pensamos que a participación podería ser elevada.










martes, 19 de marzo de 2024

RECITAL DE XOSÉ IGLESIAS

O Día Mundial da Poesía, celebrado cada ano o 21 de marzo, desde que a Unesco así o declarou no 1999, conmemora unha das formas máis prezadas da expresión e identidade e lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da historia en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e das expresións culturais. 

Na tarde de onte para celebrarmos o Día da Poesía tivemos o pracer de poder contar no noso salón de actos cunha charla e recital do poeta e mariñeiro Xosé Iglesias, quen nos presentou todos os seus poemarios así como parte das súas obras plásticas, tanto láminas como esculturas, ademais de contarnos interesantísimas historias arredor dos mares e oceános e da pesca, o seu labor diario que compaxina coa creación literaria e que o converten nunha das voces poéticas máis evocadoras do panorama poético galego na contemporaneidade.

Aquí podedes ver uns pequenos vídeos do seu recitado e do impresionante son da corna que as mulleres da Costa da Morte empregaban para guiar os barcos dos seus homes para que soubesen da presenza da terra e non encallasen.


Moitas grazas, Xosé por achegarte a Moas acompañado da túa corna e das túas baleas!! Ficamos moi agradecidas coas túas dedicatorias nos nosos libros da biblioteca.









venres, 15 de marzo de 2024

ENTREGA DE PREMIOS ÁS ALUMNAS GAÑADORAS DO CONCURSO DE DESEÑO DUN POEMA DE ROSALÍA

Co gallo do Día de Rosalía de Castro, o EDLG e a Biblioteca organizamos un concurso de deseño ou decoración dun poema da ilustre poeta do noso Rexurdimento e hoxe no segundo recreo na biblioteca o noso alumnado colaborador do Voluntariado de Biblioteca entregoulle ás alumnas gañadoras o seu merecido premio.

Parabéns a todo o alumnado participante e especialmente ás gañadoras!! Foi moi chulo ver a vosa creatividade para tinguir de cores e deseños os fermosos poemas escollidos por vós!!









martes, 12 de marzo de 2024

EXPOSICIÓNS 8M. MULLER E ILUSTRACIÓN.

Velaí o resultado do noso traballo para o 8M, relacionado con muller e ilustración. Seguindo con esta sentida iniciativa que a comunidade educativa do IES Monte das Moas leva a cabo dende o ano 2014, dámoslle voz esta vez a marabillosas personaxes femininas de banda deseñada, ben personaxes ficticias, ben mulleres reais que se converteron en personaxes de cómic. Trátase de personaxes da banda deseñada máis feminista, empoderadas ou mulleres reais ou imaxinadas, retratadas na BD que dende diferentes eidos desenvolveron e realizaron traballos importantes e que deixaron pegada ou abriron camiños inexplorados ata ese momento.

Acompañámolas cunha exposición das novelas gráficas e cómics que temos na nosa biblioteca. Enfronte temos tamén a expo de mulleres ciéntíficas que fixemos polo Día da nena na ciencia.
Todos poderemos desfrutar destas exposicións na entrada do instituto durante quince días.